Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Veciños de Coristanco denuncian á Mineira, a Augas, ao Concello e á Xunta

Veciños de Coristanco denuncian á Mineira, a Augas, ao Concello e á Xunta
Manifestacion en Coristanco contra a mina de Corcoesto-Foto- GZ Videos

As asociacións de veciños de Cereo, de Corcoesto e de Valenza, veñen de presentar unha denuncia conxunta no Xulgado de Carballo contra a empresa Mineira de Corcoesto, S.L., contra a súa subcontrata, Terratec Geotecnia y Sondeos, S.L., e tamén contra o Concello de Coristanco, Augas de Galicia, Consellería de Medio Ambiente e a Consellería de Economía e Industria, por un presunto delito continuado contra o medio ambiente.

A denuncia baséase na realización por parte da empresa mineira de Corcoesto, a través da subcontrata Terratec Geotecnia, de sondeos de exploración mineira e xeotécnicos nas cuadrículas mineiras que configuran o permiso de investigación Julia 2 e Julia 3, que se atopan en tramitación na actualidade. A empresa mineira non dispoñía, por tanto, de autorización administrativa para a realización deses traballos que se desenvolveron sen ningún tipo de control medioambiental en zona de dominio público hidráulico, co consentimento das administracións sinaladas.

Ademais do anterior, sinalan que "a empresa mineira tampouco dispón de autorización de Augas de Galicia para captación de auga do río Lourido, para o seu uso na realización dos sondeos xeotécnicos necesarios para o cálculo da estabilidade das balsas de cianuración e lixiviación, que están fora do ámbito das actuais concesións mineiras de Corcoesto".

Como consecuencia deses traballos, "setenta e sete vivendas da parroquia de Cereo quedaron sen abastecemento de auga para consumo humano, debido aos danos causados pola empresa mineira e a súa subcontrata, aos acuíferos soterrados que abastecían o manancial do Regueiro". Estes danos non foron reparados por parte da empresa, que non amosou interese algún en atender as reclamacións dos veciños afectados. Por este motivo, acoden agora á vía xudicial para facer valer os seus dereitos.

Máis información

Novas relacionadas

Artigos relacionados

Fonte

Comentarios