Venres. 29.03.2024
El tiempo

O BNG de Vimianzo tamén se posiciona contra a mina de ouro de Corcoesto

O BNG de Vimianzo tamén se posiciona contra a mina de ouro de Corcoesto
Multitudinaria manifestación en Carballo contra a mina de ouro de Corcoesto-Foto- @Salvemoscabana

É hoxe o BNG de Vimianzo o que nos informa de que vai presentar unha moción no vindeiro pleno municipal "contra a minaría salvaxe e contaminante".

Así o Grupo de Goberno pedirá no pleno os seguintes acordos para instarlle á Xunta:

  • 1. Retirar o documento de inicio do Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza e elaborar un novo coa participación e consenso dos axentes que deben forman parte do Consello Galego da Minaría, como marca a Lei 3/2008, de ordenación da minaría de Galiza.
  • 2. Prohibir a extracción de minerais metálicos polo sistema de ceo aberto, eliminando completamente o uso de cianuro ou substancias perigosas que poñan en risco a saúde ambiental e das persoas, así como as técnicas de “fracking”, en todo o territorio galego, incluída a plataforma continental.
  • 3. Crear con urxencia o Consello da Minaría da Galiza, tal como estabelece a Lei 3/2008, de ordenación da minaría, polo carácter estratéxico dos recursos existentes no subsolo e plataforma continental, e deixar de conceder permisos de exploración, investigación e explotación, mentres tanto.
  • 4. Exixir o estabelecemento de seguros de cobertura suficientes de responsabilidade civil por eventuais accidentes e constituír un Fondo de Restauración Ambiental para garantir a reparación do medio afectado pola actividade mineira, unha vez concluída esta.
  • 5. Someter as autorizacións de explotacións mineiras ao impacto que teñan sobre outras actividades económicas que son sustento básico da economía de Galiza e que dependen tamén doutros recursos naturais, como os agrogandeiros, pesqueiros, hídricos, turísticos, forestais ou de lecer.

Máis puntos para o pleno

Ademais, o Pleno da Corporación do Concello de Vimianzo do vindeiro sábado 27 de xullo, debaterá a composición das Comisións informativas tras a entrega dos informes pertinentes por parte da Deputación provincial e da secretaría e intervención municipais. Nestes informes destaca a coincidencia en diferentes aspectos: descartan a representación mediante o voto ponderado debido á sentada xurisprudencia do Tribunal Supremo, sinalando que “o establecemento de voto ponderado desborda a potestade de autoorganización do Concello, pois entende que a proporcionalidade debe radicar na composición ou estrutura das comisións, non na deliberación ou función”, sendo a condición de proporcionalidade esencial para a composición das mesmas. Deste xeito, "os diferentes informes recoñecen o dereito de representación dos concelleiros non adscritos nas comisións, sen que iso supoña que cada un dos concelleiros teña que estar en todas as comisións, senón que a composición das comisións debe ser proporcional ao pleno e non unha mera representación do mesmo", informa o Concello. "O feito de que todos os concelleiros non adscritos participasen nas comisións traduciríase nunha posición de sobrerrepresentación".

Deste xeito, no vindeiro Pleno da Corporación haberá 1 representante por cada grupo municipal (BNG, PP, IxV e PSOE) e un concelleiro non adscrito e o Alcalde actuando como presidente das Comisións.

Máis información

Novas relacionadas

Artigos relacionados

Fonte

Comentarios