Xoves. 10.10.2024
El tiempo

A activista antirracista Zulaika Patel, protagonista da Galería Mulleres

cartel zulaikha patel copia
A activista antirracista Zulaika Patel, protagonista da Galería Mulleres

Desta volta, Viki Rivadulla dende a Galería de Mulleres da Biblioteca da Muller de Muxía, recupera a figura de Zulaikha Patel (Sudáfrica, 2003), activista antirracista filla de nai africana e pai indio. Sempre foi unha nena interesada pola política e o que ocorría no seu país. Con tan só 13 anos, en 2016, lidera as manifestacións en contra da norma do seu colexio Pretoria Girls High School ( Gauteng, Sudáfrica) que impoñía o alisado dos cabelos das alumnas. A Escola especificaba que o peiteado natural das alumnas negras era “inapropiado e pouco aseado”. Zulaikha foi consciente do discriminatorio da norma pois non deixaba que as mozas levasen o seu pelo de forma natural, rizado, esixindo que o adaptasen aos canons europeos. Era unha norma racista.

Decide protestar e negarse a alisar o cabelo polo que foi presionada por parte de docentes a través de comentarios sexistas e racistas. Tras diversas chamadas de atención e a ameaza de ser expulsada, Zulaikha xunto con outras mozas negouse rotundamente a modificar ou cortar o seu pelo e saen a protestar.

A imaxe da nena coas mans cruzadas diante dos gardas contratados para reprimir a protesta nas manifestacións, é unha icona.

A loita foi recoñecida a nivel mundial e tivo unha gran resposta nas redes sociais a traves do hashtag #stopRacismatPretoriaGirlHigh

A cuestión non era menor, o debate desprazábase dunha posible cuestión de gustos, cara ao racismo das institucións. O profesorado negaba tamén o dereito ás súas alumnas para falar os seus idiomas maternos e segundo algúns medios e columnistas, instruíanas no oficio de "negar a súa negritude”.

O resultado final das protestas foi a supresión da norma de réxime interno sobre o peiteado das alumnas. Ademais, as autoridades da provincia comezaron investigar as condutas racistas e abriuse o debate sobre un cambio na lexislación convertendo a Zulaikha nunha icona da loita e resistencia antirracista, con só 13 anos .

A BBC recoñeceuna entre as 100 mulleres destacadas de 2016.

Zulaikha á vez que reivindicaba as melenas rizadas estaba a reclamar o dereito para decidir sobre si mesma. Coa súa protesta abriu un debate importante e mobilizou á sociedade, pero sobre todo, iniciou un camiño persoal na loita contra o racismo e a afirmación dos dereitos dos homes e, sobre todo, das mulleres negras.

ARTIGO RELACIONADO

11 ANOS DA GALERÍA MULLERES MUXÍA

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios