Xoves. 05.08.2021
El tiempo

A arte indíxena de Tarsila do Amaral, protagonista do xullo da Galería Mulleres de Muxía

Continúa Viki Rivadulla a través da Galería Mulleres da Biblioteca da Muller de Muxía, recuperando a historia en clave de muller. Este mes de xullo vai de arte:

Tarsila do Amaral na Galeria Mulleres de Muxia
A arte indíxena de Tarsila do Amaral, protagonista do xullo da Galería Mulleres de Muxía

Tarsila do Amaral (Capivari, São Paulo, 1886 – São Paulo, 1973) foi unha pintora brasileira que reinventou a arte moderna. Mesturou de forma xenial as ideas da arte moderna coa estética indíxena do seu país, converténdose en pintora imprescindible tanto no seu país como en toda América Latina e na Historia da arte.

Tarsila viviu en España e en París nos anos vinte e estudou na famosa escola internacional Académie Julian e logo no taller de Émile Renard. Coa súa parella Oswald de Andrade viaxa por Portugal e España e, á súa volta a París, empeza a traballar no taller de André Lhote durante tres meses. Coñecen ao poeta Blaise Cendrars, que lles presenta ao seu círculo de amigos, entre os que están Fernand Léger, Albert Gleizes, Brancusi, Cocteau, Satie e outros. Tamén atopan en París a varios vangardistas brasileiros: Anita Malfatti, Vicente de Rego Monteiro, Dei Cavalcanti, Milliet, Paulo Prado… Empeza a estudar con Gleizes e fai prácticas no taller de Léger. <(/p>

En 1926 a artista celebrou por primeira vez unha mostra individual en París, na que se puido gozar do seu orixinal estilo. Unha das pezas estrela foi A Negra, obra que se converteu pronto nunha das súas pinturas máis emblemáticas. Creado en 1923, o cadro mostra a unha muller de trazos africanos cuxa figura parece saír dun fondo xeométrico que lembra, en certa maneira, ás obras creadas por Mondrian. Créase así un contraste inesperado e impensable na creación europea deses anos, xa que en Europa a abstracción e a figuración eran compartimentos estancos e case inimigos. Tarsila foi quen, con todo, de romper con todas as fronteiras. A Negra, concíbese xa como unha imaxe esencialmente alegórica, que busca representar unha “entidade” nacional, como diría Mário de Andrade.

Fundou o Grupo dos Cinco con Anita Malfatti, Oswald de Andrade, Menotti Do Picchia e Mário de Andrade. Foi tamén figura clave dentro do Movemento Antropofáxico que xorde a partir da súa pintura Abaporu. A antropofaxia enténdese como proceso de absorción, asimilación e reconsideración das vangardas europeas –transformadas con temas e cores locais-. Nace así un estilo novo e distintivamente de Brasil. Xorden entón cadros e debuxos de paisaxes habitadas por seres fantásticos e vexetación exuberante, con sinalada tendencia surrealista, coñecidos como “paisaxes antropófagas”. Esta procura dunha linguaxe moderna – reelaborada a partir das vangardas europeas-, combinada cos temas brasileiros, xa estaba presente na súa etapa anterior “pau Brasil”.

Grazas ás súas viaxes e ós seus contactos, Tarsila gozou dúas culturas tan diversas como a brasileira e a europea. Foi quen de beber das vangardas europeas (principalmente do cubismo, movemento co que conviviu) sen esquecer as súas raíces . Foi quen de facer unha re lectura de todo o que vía para crear un estilo propio, con vivas cores, elegancia e intensa personalidade.

Na década dos 30 pasou a desenvolver unha pintura máis conectada con temas sociais. E ao longo dos anos 40, retomou o seu “xigantismo onírico”.

Tarsila non deixou de pintar e expoñer ata a súa morte. Tal foi a súa importancia que o MoMA inaugurou unha exposición da súa obra en 2018, sendo a primeira muller nada en América Latina en mostrar as súas obras na institución e o 8º artista de América Latina (despois de nomes como Diego Rivera ou Roberto Matta).

ARTIGO RELACIONADO

11 ANOS DA GALERÍA MULLERES MUXÍA

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

comentarios