Venres. 29.03.2024
El tiempo

A cabalo contra a mina

A cabalo contra a mina
Ruta Cabalar contra a mina de ouro

Son moitos os xeitos de erguer a voz. E nos últimos tempos, en Bergantiños estamos a vivir unha morea de eles. A última, protagonizada polos veciños de Cereo, Valenza e Corcoesto, que organizaron este pasado domingo 11 de agosto, unha ruta cabalar como acto de protesta contra a mina de ouro de Corcoesto. Unha ruta qye tamén serviu para reivindicar a defensa e o valor do monte, da terra e da paisaxe que pretende destruír a empresa mineira canadense Edgewater, coa proxectada mina a ceo aberto que afectaría a máis de 700 hectáreas de superficie forestal.

Medio cento de cabaleiros saíron ás once da mañá do campo da festa de Cereo, cara a Paradelas e Lestón, do Concello de Coristanco, para a continuación seguir en dirección a Corcoesto pasando polo monte de Perrol, e o lugar de Baralláns, que será ocupado coa balsa de residuos de lixiviación. A ruta, que durou dúas horas, rematou na carballeira de Santa Mariña, onde tivo lugar un xantar ao que se apuntaron numerosos veciños destas parroquias afectadas polo proxecto mineiro.

Os cabaleiros e os veciños que os acompañaron, portaron camisetas e carteis con consignas en contra do proxecto mineiro e en defensa da vida e da natureza.

Estas actividades, organizadas pola Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, teñen por obxecto sensibilizar á poboación dos múltiples efectos negativos que o proxecto mineiro de Corcoesto vai a ter sobre a poboación e sobre a súa calidade de vida. Igualmente serven para reivindicar o valor da nosa terra, da nosa paisaxe, da riqueza forestal da contorna, e mesmo da auga, da que ata o de agora se abastecen de xeito gratuíto todas estas parroquias, e que desaparecería como consecuencia da mina de ouro, tal e como recoñece a propia empresa mineira no proxecto presentado na Xunta.

Ruta Cabalar contra a mina

Novas relacionadas

Artigos relacionados

Máis información

Fonte

Comentarios