Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A Xunta non califica a mina de Corcoesto como Proxecto Industrial Estratéxico

A Xunta non califica a mina de Corcoesto como Proxecto Industrial Estratéxico
Tractorada contra a mina de ouro de Corcoesto- Foto- Jose Manuel Ojén

Era un dos perigos que máis temían as plataformas contrarias á mina de ouro de Corcoesto. I é que a catalogación do proxecto mineiro como Proxecto Industrial Estratéxico converteríao en case que unha realidade, ademais, allea ás restricións medioamabientais habituais.

Pois o IGAPE, a través da Dirección Xeral de Enerxía e Minas está a tramitar o expediente mineiro de Corcoesto, que vén de ser analizado pola Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños.Entre a documentación, figura un informe do IGAPE que sinala que "o proxecto mineiro de Corcoesto non é estratéxico no sentido definido como tal pola Lei 13/2011 de política industrial de Galicia". Este informe do IGAPE, no apartado relativo ao cumprimento dos requisitos "para a consideración de proxecto de interese estratéxico segundo a citada lei, sinala que, a pesar de ter un investimento superior aos 50 millóns de euros, non alcanza os 250 postos de traballo directos e non supón a consolidación dos mesmos no futuro, debido ao carácter finito da explotación".

Segundo a Plataforma, "o informe continúa sinalando que o proxecto non supón unha expansión "significativa" do tecido industrial galego, xa que os postos de traballo, computando directos e indirectos, supoñen un 0,0019% da poboación ocupada no sector industrial e o volume de negocios anual previsto, para o ano de maiores vendas, supón un 0,0038% do total do sector industrial. A maiores o proxecto tampouco repercute na consolidación do tecido industrial galego, xa que se trata dun proxecto de explotación que prevé un ciclo produtivo de 8,5 anos e que non consolida os postos de traballo".

Para a Plataforma, ademais de incumprir todos estes requisitos que sinala o IGAPE, "incumpre outro indispensable que xa foi posto de manifesto nas diversas alegacións presentadas, que é o da importancia tecnolóxica". Neste sentido, a Plataforma recorda que "o proxecto mineiro de Corcoesto destaca polo emprego do cianuro no proceso de extracción do ouro, que é unha tecnoloxía altamente contaminante e prohibida na minaría en países como Alemaña, a República Checa, Hungría ou Turquía, e que mesmo existe unha resolución do Parlamento Europeo do 5 de maio de 2010, pola que se insta aos estados membros á prohibición xeral do uso das tecnoloxías mineiras en base o cianuro dentro do conxunto da Unión Europea".

Así e todo, dende a Plataforma non cantan vitoria e temen que estas medidas, como o expediente aberto á empresa a semana pasada sexan só unha "cortina de fume" ante o rexeitamento social.

Novas relacionadas

Artigos relacionados

Máis información

Fonte

Comentarios