Edgewater amenaza con supostos avances para un novo convenio ca Xunta

George Salamis, presidente de Edgewater, informou onte, segundo Galicia Confidencial, de que hai "avances positivos e clarificadores na proceso de autorización para o proxecto de minaría de ouro en Corcoesto". A empresa canadiana confirma así que teimará en sacar adiante macromina, malia que a Xunta desbotou publicamente o proxecto actualmente en trámite.

O presidente do Goberno descartouno publicamente, pero o Diario Oficial de Galicia non publicou a prometida paralización. Por iso os grupos ecoloxistas e colectivos veciñais opositores cos que recentemente falou GC -ADEGA, Sociedade Galega de Historia Natural, Plataforma na Defensa de Corcoesto e Bergantiños- desconfían das verdadeiras intencións do goberno.

Desconfianza que medrará ao coñecer que Salamis fachendea -"baseándose en conversacións en marcha co Goberno de Galicia"- de que "a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) para o proxecto da mina seguirá sendo válida durante cinco anos" e que "Edegwater pode volver a solicitar os permisos mineiros cando queira unha vez que cumpra cos requisitos técnicos e financeiros".

No seu comunicado, a empresa foránea salienta que ten a concesión para a explotación mineira da zona até 2064. A nota da compañía -que ademais de en Galicia ten permisos en Ghana- tamén cita declaracións do presidente "Alberto Nuñez" e ao conselleiro de Economía a prol da "minaría sostíbel".

O anuncio da paralización fíxoo o presidente no Debate de Estado da Autnomía. Posteriomente, GC solicitou á Consellería de Economía e Industria que algún voceiro repetise as palabras do máximo mandatario autonómico. O Gabinete de Comunicación de Industria negouse alegando que resuta "complicado" repetir o comprometido por Alberto Nuñez Feijóo na Cámara do Hórreo.

Salamis aproveita esta indefinición da Consellería para destacar os supostos beneficios que tería a mina para Galicia, unha autonomía que define como "unha rexión de España que está a sufrir altos niveis de paro e de incertidume económica".

O responsable da matriz de Mineira de Corcoesto S.L. di que "seguimos a traballar co 'Goberno Galicia' dun xeito construtivo para poder aproveitarnos do potencia de Corcoesto en beneficio da rexión e dos accionistas; como indicou o 'ministerio' (sic) de Economía e Industria a empresa pode volver a presentar a solicitude para o permiso de minaría e non hai prazos determinados".

Salamis tamén dá a cifra de 250 empresos directos. O Goberno Galego, antes de botarse para atrás, comunicara aos cidadáns que a explotación"suporá un investimento de 110 millóns de euros e a xeración de 1.371 postos de traballo", sen diferenciar entre directos e indirectos.

Visto o visto, os veciños opostos á mina seguen a mobilizarse. Recentemente pediron que o Concello de Carballo se pronunciase contra a explotación e agora están a espallar estas demandas a outros municipios da comarca.

Os veciños favorábeis á macromina -artellados no colectivo Corcoesto Si, Mina Si-, cos que tamén falou recentemente GC, síntense decepcionados coa Xunta e advirten, iso si, que non está dita a última palabra.

Novas relacionadas

Artigos relacionados

Máis información

Fonte