Mércores. 24.04.2024
El tiempo

A Comisión Europea continúa a investigación sobre a declaración de impacto ambiental da mina de Corcoesto

A Comisión Europea continúa a investigación sobre a declaración de impacto ambiental da mina de Corcoesto
Imaxe contra a mina ouro en Corcoesto-Foto- Maria Aurora Rodriguez

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños remitira no mes de xullo á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo o informe “Potencial mobilización de arsénico nos materiais xeolóxicos e residuos mineiros de Corcoesto: Unha revisión crítica”, que foi elaborado polos profesores e investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, Dr. David A. Rubinos, Dr. Rosa Devesa-Rey, Dr. Francisco Díaz-Fierros e a Dr. María Teresa Barral.
Con base nese informe, a Plataforma solicitara ao Parlamento Europeo que procedese á revisión da declaración de impacto ambiental por vulnerar a normativa europea en materia de avaliación ambiental de proxectos, e que se instase ás autoridades sanitarias españolas a realizar os estudos epidemiolóxicos á poboación da contorna recomendados no informe científico.

Agora, a Plataforma acaba de recibir unha comunicación na que se lle indica que a Comisión Europea incorpora o informe científico da Universidade de Santiago ao expediente de investigación que segue en relación á declaración de impacto ambiental do proxecto mineiro, e que solicitará información ás autoridades españolas sobre as cuestións que figuran no mesmo.
O obxectivo da investigación é o de garantir o pleno cumprimento da lexislación da Unión Europea en materia de medio ambiente, incluídas as disposicións da Directiva sobre residuos da minaría, da Directiva Marco sobre a Auga e da Directiva sobre hábitats, por atoparse a proxectada mina de ouro de Corcoesto a 140 metros do Lugar de Importancia Comunitaria, río Anllóns.

A Plataforma recorda que "o informe científico da Universidade de Santiago, cuestiona de cheo o estudo de impacto ambiental realizado pola empresa mineira canadense Edgewater e bota por terra a declaración de impacto ambiental, pola total falta de rigorosidade na estimación do impacto que terá sobre a poboación a liberación dos altos contidos de arsénico existentes no solo de Corcoesto".

Os investigadores indican no informe, que "o método empregado por Edgewater para calcular os vertidos de arsénico ao medio natural non é válido, por non ser un método de referencia na Unión Europea, e porque subestima a mobilidade real deste elemento químico altamente prexudicial para a saúde". Inciden en que n"on se tiveron en conta os riscos potenciais para o medioambiente e a saúde pública da poboación da comarca de Bergantiños, derivados da exposición ao arsénico que se vai liberar no caso de que se autorice a explotación da mina de ouro". Por este motivo "recomendan tamén a realización de estudios epidemiolóxicos á poboación".

Novas relacionadas

Artigos relacionados

Máis información

Fonte

  • Nota de prensa da Plataforma en Defensa de Corcoesto.

Comentarios