Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Xunta cancela o proxecto da mina de Corcoesto

A Xunta cancela o proxecto da mina de Corcoesto
Unha das manifestacions contra a mina-Foto-Jose Manuel Ojen

Amencemos este martes 15 de outubro cunha nova moi importante. A Xunta vén de anunciar que denega o proxecto da mina de ouro de Corcoesto. Argumenta a Xunta, tras máis dun ano e medio de loita social, que "o proxecto carece de solvencia financieira e técnica". Así, a Xunta está resolvendo a resolución administrativa para cancelar definitivamente o proxecto e así o anunciaba o presidente da Xunta no Debate de Estado de Autonomía no Parlamento.

Xa en xullo a Xunta paralizaba a mina de Corcoesto para asegurar unha garantía das condicións financieiras. E parece que a empresa Mineira de Corcoeto, filial creada para a ocasión pola canadiense Edgewater, non reuniu a tempo o 25% dos 110 millóns de euros que custaría o proxecto. Unha cifra que obrigaría a multiplicar por 60 os supostos beneficios. Ademais, a previsible baixada do prezo do ouro é clave para esta decisión.

Curioso resulta que os argumentos para paralizala sexan de índole económica e non de índole medioambiental, cando as verdadeira alarma social foi xerada polo respecto á natureza. De feito, Medio Ambiente aceptara a polémica Declaración de Impacto Ambiental do proxecto.

Así e todo, a empresa aseguraba que "mantén a súa intención de levar adiante o proxecto" e que "está ultimando diversas propostas de inversores que pretenden sumarse ao desenvolvemento e ejecución da explotación minera. Este proceso culminará en poucas semanas", aseguran.

Parece que a decisión da Xunta é recurrible, pero que devolve o proxecto ao punto de partida.

"Corcoesto Si, Mina si", indignados coa decisión, pide unha "prórroga" para a empresa

A asociación Corcoesto Si, Mina Si, quere amosar "a súa indignación e desencanto" ante a nova da Xunta. Considera que "xa son demasiados as mensaxes ambiguas que a Xunta de Galicia está lanzando sobre a minería" tentando contentar tanto aos colectivos que apoian a mina como aos que a rexeitan.

A entidade argumenta de novo que "é unha zona fuertemente deprimida con altísimos niveis de emigración e desemprego, que non ten outra esperanza que non sexa a posta en marcha da mina de Corcoesto para evitar a despoblación brutal á que están sometidas as nosas aldeas".

Ademais, a entidade vai un paso máis alá e "solicita á Xunta de Galicia unha prórroga para que a Empresa Mineira de Corcoesto poida aportar as garantías requiridas".

ContraMINAcción tamén satisfeita pola "posible" anulación do proxecto

A rede de colectivos ContraMINAcción manifesta a súa satisfacción pola nova pero "agardan, cunha certa desconfianza, que esas declaracións do presidente se traduzan o antes posible nunha anulación oficial de todo o proxecto pola mesma vía pola que este foi presentado a exposición pública: o DOG”, como declara Nela Abella, do colectivo Verdegaia e da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños.

A rede agarda pois "a resolución pública no DOG antes de celebrar como unha vitoria definitiva a que de momento só e unha “suposta” anulación".

Verdegaia: "O proxecto da mina de Corcoesto nunca tivo que ser admitido a trámite"

"A súa insolvencia ambiental, sanitaria, social, técnica e económica é evidente. A Xunta de Galicia, a pesar destas evidencias tentou por todos os medios que o proxecto saíse adiante", critica a entidade ecoloxista Verdegaia. Unha entidade que lembra os numerosos colectivos que se opuxeron dende o primeiro momento ao proxecto. "Supoñemos que só a presión sobre a Xunta dende todas as instancias que puxeron en evidencia a insensatez deste proxecto fixeron que hoxe o seu presidente fose quen de verbalizar dita insolvencia".

O Petón do Lobo esixe máis

Pola súa parte a Asociación Petón do Lobo considera que "non é suficiente coa cancelación do proxecto pola falla dos requisitos de solvencia financieira e técnica", senón que tamén "esixe que o Consello de Xunta se pronuncie sobre cuestións de fondo máis complexas como é o informe determinante e decisivo da Consellería de Medio Rural e do Mar sobre a incompatibilidade da actividade mineira proxectada cos valores forestais, gandeiros, agrícolas, apícolas e turísticos da zona afectada, valores que prevalecen sobre a actividade extractiva a ceo aberlo con carácter finito no tempo. A declaración de incompatibilidade e prevalencia dos usos actuais sobre a minaría especulativa, como é a presente, impediría a presentación dun novo proxecto mineiro nun área caracterizada pola enome riqueza forestal e madereira. gandeira e agrícola".

Piden ademais que "o Consello da Xunta que declare ás parroquias de Corcoesto, Cereo e Valenza (concellos de Cabana de Bergantiños e Ponteceso), como áreas de especial protección polos seus valores forestais, agrícolas, apícolas, gandeiros e turísticos, e así sexan contempladas como tales no futuro Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia".

Pero recorda á Xunta de Galicia que "parte da poboación de Corcoesto segue a consumir auga con concentracións anómalas de arsénico, ante a pasividade das autoridades sanitarias locais".

Salvemos Cabana celebra "o triunfo da razón fronte á irracionalidade do proxecto mineiro de Corcoesto"

A Plataforma Salvemos Cabana "felicita a todas aquelas persoas e organizacións que fixeron posible esta vitoria nunha loita titánica iniciada no verán de 2012 a anuncia que como asociación seguirá vixiante para descartar que futuros proxectos mineiros poidan ameazar de novo á Comarca de Bergantiños".

Dende o inicio desta loita, "dende Salvemos Cabana sostivemos que o proxecto de Corcoesto era claramente insostible a nivel social e ambiental". E resumen: "A anulación do proxecto mineiro de Edgewater en corcoesto é un triunfo da sociedade civil, da dignidade colectiva, pero sobre todo un triunfo da razón e o sentido común fronte á irracionalidade dos mercados e quen a defende. En definitiva, unha aposta pola vida".

Greenpeace uniuse á loita contra a mina

Paralelamente, e antes de saberse esta nova, Greenpeace enviaba onte unha carta ó Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núnez Feijóo, pedíndolle que non autorice o proxecto de mina de ouro en Corcoesto. A organización ecoloxista adhírese ó Manifesto da Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños e súmase así ó amplo rexeitamento social, político, sindical e científico que ve no proxecto de mina un grave risco para a saúde da poboación e a conservación dos recursos naturais.

“Greenpeace rexeita este modelo extractivo e recordamos ós responsables da xunta que o Parlamento Europeo recomendou no 2010 a prohibición total na UE do uso da minería baseada en tecnoloxía de cianuro antes do 2011”, sinala Migel Ángel Soto, responsable da Campaña de Montes de Greenpeace España.

ADEGA aínda alerta do perigo de outros "Corcoestos"

No medio da euforia de numerosos colectivos, aparece ADEGA para alertar de que "Co Plano da Minaría que pretende aprobar a Xunta, ducias de Corcoestos son aínda posibles". Recorda o colectivo que "Edgewater non cumpríu criterios técnicos e económicos, mais mantén as concesións por 90 anos".

E advirte: "Mentres o actual marco normativo non peche a porta á megaminaría contaminante, vete o uso do cianuro, e antepoña o ambiente e a saúde das persoas ao beneficio das mineiras, ningún lugar estará a salvo doutro Corcoesto".

Novas relacionadas

Artigos relacionados

Máis información

Fonte

Comentarios