mércores. 30.04.2025
El tiempo
Abraham Trillo
08:17
14/04/25

Urxencias

A Urxencias vaise a por un diagnóstico. Desta maneira, a persoa que entra nela, isto é o paciente, o presunto paciente - este adxetivo, como tantos outros na vida, hai que gañalo -, posto que existen, en contra do que se poida crer, pacientes moi impacientes, sae de alí convertido nun cirrótico, nun enfermo de varicela, ou nun tosferínico con ou sen cura. Pois ben, esta é unha examinación básica e clásica: a que o facultativo lle fai ao suxeito paciente. Mais resulta que, logo, hai un segundo diagnóstico. O que o propio pacientepaciente ou pacienteimpaciente se fai a si mesmo. A sala de espera de Urxencias é un lugar propicio, dadas as horas que se poden chegar a pasar nela, para a reflexión, a autoanálise, e estas cousas que nos descubreu Freud moi posto el de cocaína hai un século. O mércores, eu pasei sete horas. Sete horas en Urxencias, non sete horas posto, claro. Durante este tempo tiven a oportunidade de facer a miña análise persoal e a do resto dos que se atopaban no lugar. Parellas ben acordadas dándose o lote - vese que moi malos non estaban - nas cadeiras incómodas coas que a Xunta acostuma a amoblar estas estancias; parellas que, polo que fora, non desfrutaban tanto do asunto e que agardaban en silencio, apenas sen ollarse, o turno de pasar a consulta; anciáns un pouco perdidos, como pequenas moscas batento contra o cristal, coma se a vellez os collera alí, buscando a saída cara o exterior. E logo, eu. Só e preocupado por se ía morrer só; só e triste de morrer; só, pensando no reparto dos meus bens; só, imaxinando ao meu can feliz sen min; só, pensándome leucémico; só, créndome tumoroso. Total, que cando me tocou a min, o médico explicoume que el non vía nada grave e que sintía as horas que me fixera perder ao terme esperando tanto tempo coa fermosa tarde que quedara. Un detalle, oe. Despois de tanta dúbida estaba abosolutamente san, así que abandoei o CHUAC contento, mais coa percepción de que me timaran. Xa me fixera a idea de ter algo.

Cando baixei do taxi fronte ao portal do meu edificio, xa introducindo a chave no cerrollo da porta, deume a sensación de estar chegando dunha festa. Coa broma e os recortes en sanidade, xa eran preto das dúas da mañá cando cheguei a casa. Volvinme a atopar só - haiche días - e ca louza do xantar do mediodía aínda por fregar. Como sabía que non conseguiría durmir - un xa se vai coñecendo… “Conócete a ti mismo en cualquier circunstancia, al borde del abismo o de turismo en Francia“, cantaba Krahe - decidín acompañarme da lectura de González Ruano na segunda edición das súas memorias que polo meu cumpreanos me regalaron Juan e Tati. Por non acostarme, ao día seguinte, non foi necesario que me erguese. Xa o estaba. As oito, baixei a almorzar e, algo máis tarde, na ducha, decidín desatender as obrigas que de min se esperaban para o resto do día.

 

MÁIS ARTIGOS DE ABRAHAM TRILLO

Comentarios