Xoves. 10.10.2024
El tiempo

Cristina Calderón, un “Tesouro Humano Vivo” na Galería Mulleres

Non deixa a Galería Mulleres de Muxía de repasar a historia en nome de muller. Desta volta, Vikli Rivadulla lévanos ata Chile.

cartel Cristina Calderón na Galeria Mulleres de Muxia
Cristina Calderón, un “Tesouro Humano Vivo” na Galería Mulleres

Cristina Calderón (1928, Isla Navarino en Tierra de Fuego). Depositaria e última falante da lingua yagán. En 2009 foi declarada “Tesouro Humano Vivo”, ao ser a depositaria e difusora das linguas e tradicións do pobo yagán. Este recoñecemento foi entregado polo Consello Nacional da Cultura e as Artes de Chile, no marco da Convención para a Salvagarda do Patrimonio Inmaterial, da Unesco de 2003.

Medrou xunto á súa familia que vivía apegada á cultura yagana dos seus devanceiros, mantendo os seus costumes e crenzas. Os yaganes habitaron o continente fai un 6 mil anos, navegando entre as canles do extremo sur, cubertos de graxa e peles de lobo para abrigarse das baixas temperaturas. Ademais eran fabricantes de canastros de xunco, técnica que hoxe aínda se mantén, tecendo sen usar ningún instrumento na súa confección. Coa chegada dos europeos a cultura comezou a decaer e mesturarse coa do Vello Continente.

Actualmente vive na localidade máis austral do mundo, en Villa Ukika (Puerto Williams, illa Navarino), xunto a un centenar de descendentes de yaganes. Aí, ela é a única que aínda fala o idioma de maneira nativa e está facendo un traballo de transmisión para lograr que a lingua se manteña. Nos últimos anos estivo empeñada en conservar e transmitir todo o relacionado coa cultura yagana e creou, xunto á súa neta Cristina Zárraga, un dicionario yámana-español, acompañado de imaxes de animais e un cd onde se escoita a súa voz falando o idioma. Ademais xuntas editaron o libro de lendas “Hai Kur Mamašou Shis”(Quero contarche un conto).

A neta tamén escribiu a biografía de Cristina en “Cristina Calderón, Memorias da miña avoa yagán” “É a única que fala o yagán de xeito fluido e leva os recordos aínda vivos na súa memoria. A miña avoa pertenceu á xeración que rexistrou o etnólogo Martín Gusinde. Unha xeración que aínda sostiña os coñecementos ancestrais traspasados oralmente entre os yámana (como se autodenominan os yaganes), e que aínda gozaba das liberdades de outrora, por exemplo, navegar libremente polas canles austrais e establecerse en todo o territorio”, comentou sobre a súa avoa Cristina Zárraga, nunha entrevista.

Actualmente Cristina Calderón traballa en cestaría, ademais do valioso traballo de difusión da súa cultura. Este ano cumpriu 93 anos.

ARTIGO RELACIONADO

11 ANOS DA GALERÍA MULLERES MUXÍA

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios