Venres. 19.04.2024
El tiempo

A loita contra a violencia de xénero, a prostitución e a pornografía protagonizan o novembro da Galería Mulleres

Continúa Viki Rivadulla dende a Biblioteca da Muller de Muxía, repasando a historia en nome de muller. E dado que estamos no mes do 25 de novembro, dedica a Galería Mulleres a Andrea Dworkin, unha das mulleres que máis loitou contra a violencia exercida sobre as mulleres- a elo dedicou a súa vida- , e contra a prostitución e a pornografía como formas colonización dos corpos das mulleres e por tanto violencia tamén. Ela mesma sufríu agresións e violación e ademais de facer un traballo profundo a nivel teórico, tamén é unha clara activista con moitas charlas ás súas costas. “Os seus escritos son dunha lucidez e sensibilidade moi necesarias aínda a día de hoxe”, explica.
cartel andrea dworkin Galeria Mulleres de Muxia
A loita contra a violencia de xénero, a prostitución e a pornografía protagonizan o novembro da Galería Mulleres

Andrea Dworkin (1946-2005), nada en Camdem, Nova Jersey, Estados Unidos, é unha escritora e activista do denominado feminismo radical.

Licenciouse en Literatura en 1968 polo Bennington College, e dedicou todas as súas forzas á loita feminista. Analizou e tratou en fondura as causas da violencia contra as mulleres. Ela mesma sufriu abusos polo seu pai e o seu primeiro esposo; tamén no cárcere cando estivo encerrada aos 18 anos de idade por protestar pola guerra de Vietnam. O que escribiu sobre estes abusos e a súa detención tivo un impacto moi forte.

Para ela hai dúas formas de colonizar o corpo das mulleres: a propiedade privada, a través do matrimonio e a propiedade colectiva dos nosos corpos a través da prostitución.

O seu activismo contra a pornografía creoulle moitos inimigos, tanto na dereita como na esquerda. Chegou a ser acusada de promover a censura. Xunto á avogada Catherine MacKinnon presentou unha lei que definía a pornografía como unha discriminación sexual e, por tanto, violación dos dereitos das mulleres, que permitía ás mulleres presentar demandas contra os produtores e distribuidores de pornografía ante os tribunais. A lei foi aprobada en Indianápolis en 1983, mais as apelacións da poderosa industria da pornografía tiveron éxito. A revista Hustler atacou entón duramente a Andrea , que tivo que querelarse.

A súa mente lúcida e a súa intelixencia incisiva definían unha personalidade afectuosa e aberta que gañou o apoio dun sector incondicional. Pero tamén foi tachada por moitos de "melodramática” e ridiculizada polo seu aspecto e as súas teorías. Aos 53 anos, foi drogada e violada nun hotel de París, feito que lle fixo un dano enorme, e estivo retirada dás aparicións públicas. En 2002 cobrou forzas e emprendeu unha nova batalla contra as violacións e publicou a súa autobiografía, “Corazón roto: memoria política dunha militante feminista”.

Entre as súas publicacións tamén están: O odio ás mulleres (1974); Vida e morte. Escritos sobre a guerra continua contra as mulleres (1997); Cartas desde unha zona de guerra (1989); Chibo expiatorio: os xudeus, Israel e a liberación da muller (2000) Noso sangue: profecías e discursos sobre política sexual (1976); Pornografía, homes posuíndo ás mulleres (1981); Pornografía e dereitos civís: un novo día para a igualdade da muller (1988); Mulleres da dereita: a política das femias domesticadas (1991).
Entre as súas novelas e contos habería que mencionar: Caridade (1990); Xeo e lume (1996); O corazón roto da nova muller (1980), e Contos de fadas (1999).

ARTIGO RELACIONADO

11 ANOS DA GALERÍA MULLERES MUXÍA

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios