venres. 17.01.2025
El tiempo

Muxía rescata a súa pioneira Galería Mulleres con Gata Gattaca

Galeria Mulleres Muxia Decembro 2024-Gata Gattaca
Muxía rescata a súa pioneira Galería Mulleres con Gata Gattaca

Aló por abril de 2022 recollíamos en QPC a última das máis de 120 achegas da Galería Mulleres que Viki Rivadulla levaba publicando a través da Biblioteca da Muller de Muxía, mes a mes, dende 2010. Unha Galería virtual que serve como ningunha outra iniciativa na comarca para visibilizar o legado feminino na sociedade, que tivo que estar paralizada durante estes dous anos por culpa da actitude irresponsable do ex rexedor.

Con alegría anunciamos a reactivación, por parte do Concello muxián, deste programa de gran valor cultural e educativo. A Concelleira de igualdade de Muxía, Aurelia Picallo, valora a recuperación deste recoñecemento a toda unha "marea de mulleres" que enriquecen o pasado e o presente, coa vista posta nun futuro máis igualitario, e invita á veciñanza a visitar a Biblioteca da Muller, un espazo feminista en funcionamento desde 2008 dentro da Biblioteca Municipal, que complementa esta iniciativa con recursos e materiais específicos para afondar no coñecemento e na reflexión sobre o papel das mulleres na historia e na sociedade actual.

Gata Cattana, protagonista do mes de decembro

A primeira muller homenaxeada no regreso da iniciativa será Gata Cattana, nome artístico de Ana Isabel García Llorente. Nada en Córdoba, foi politóloga, rapera e poeta española. Licenciada en Ciencias Políticas pola Universidade de Granada, trasládase a Madrid, onde destaca na escena musical. Fusiona rap con flamenco e poesía, abordando temas sociais, feministas e xeopolíticos. En 2012 publica Los siete contra Tebas en Bandcamp, marcando o inicio dun estilo único.

Musicalmente en 2015 publicou Anclas e máis tarde lanzou o single Samsara. En 2016, xunto ao poemario, lanzou o EP titulado Inéditas. Nas súas primeiras páxinas, aínda conserva os agradecementos do poemario orixinal: "Á miña familia. Ao meu pobo. Ás persoas xustas que aínda quedan"

No momento da súa morte por un fallo cardíaco á idade de 26 anos, preparaba o disco Banzai.

Gata é un en referente polos seus textos e manifestacións revolucionarias, feministas e críticas coa monarquía ou o capital. Era culta e comprometida e falaba de filosofía, historia, xeopolítica, cultura clásica... Díxose que estaba chamada a ser a sucesora da Mala Rodríguez. Ela recibía o afago orgullosa, pero tiña suficiente carisma e arte para ser ela mesma, sen parangón.

12 ANOS DA GALERÍA MULLERES MUXÍA

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios