Mércores. 16.10.2024
El tiempo

A Galería Mulleres de febreiro é para Uxía

A Biblioteca da Muller do Concello de Muxía, da man de Viki Rivadulla, dedica este mes de marzo de 2022 a Uxía (Sanguiñeda, Mos, 1962), considerada a grande dama da música galega e unha das maiores divulgadoras da súa poesía.
cartel UXÍA Galeria Mulleres Muxia
A Galería Mulleres de febreiro é para Uxía

Cursa estudos de Filoloxía Románica na USC, onde coñece a fondo a nosa literatura e as nosas raíces musicais. A súa carreira empeza oficialmente en 1985, cando gaña o primeiro premio do Festival de Bergantiños. Pouco tempo despois o grupo Na lúa, un dos grandes referentes do folk galego, produce o seu primeiro disco, Foliada de marzo (Edigal, 1986). Un ano máis tarde Uxía intégrase no grupo Na lúa.

Na década dos noventa retoma a súa carreira en solitario e sae o seu segundo disco, Entre cidades (Sons Galiza, 1991). Catro anos despois chega un disco esencial na súa carreira, Estou vivindo no ceo (Nubenegra, 1995) que é considerado un dos mellores discos da década polas radios públicas europeas. Editouse en Europa, EE. UU. e Canadá e lévaa a súa primeira xira internacional. Logo virán La sal de la vida (Nubenegra, 1997), Danza das areas (Yerbabuena-Virgin, 2000), Eterno navegar (Harmonia Mundi, 2008) e Meu canto (Fol Música, 2011) que recibiu importantes premios, como o de Mellor álbum de música de raíz nos Premios da música independente de España ou o Premio Opinión a mellor artista e traxectoria de música folk, e foi escollido Top of the World na prestixiosa revista británica Songlines.

Uxía crea e dirixe a aclamados grupos tradicionais, como Cantadeiras do Berbés ou Malvela, a Señora Carmen e Emilio Rúa.

Sempre comprometida socialmente, é voceira da plataforma Nunca máis durante a catástrofe do Prestige, e canta nos campamentos de refugiados saharauis en Tinduf en varias ocasións.

No ano 2003 crea un dos seus proxectos máis destacados, o Festival Internacional da Lusofonía “Cantos na maré”, un proxecto cultural pioneiro que traza un mapa común entre os territorios atlánticos a través de música, ritmos e sons que comparten raíces e orixes comúns. Dirixe tamén diversos proxectos colectivos, como CoraSons, un traballo multidisciplinar no que participan máis de 40 artistas do mundo lusófono.

O seu interese por achegar ás novas xeracións á música en galego lévaa a producir o disco A nena e o grilo (OQO, 2010) con Magín Blanco e a impulsar o proxecto infantil María Fumaça. Así mesmo, publica Rosalía pequeniña (Galaxia/Sonárbore, 2013), onde adapta a poesía de Rosalía de Castro para os máis novos, e Canta o cuco (Galaxia, 2015) con Magín Blanco, musicando para o público familiar poemas do escritor Manuel María, a quen lle adicara tamén Andando a terra (Fundación Manuel María, 2012) e Uxía canta a Manuel María (Fundación Manuel María, 2015), gravado en directo na Casa-Museo do poeta.

No ano 2015 crea o seu propio selo discográfico, co que autoproduce Baladas da Galiza imaxinaria (Damadriña, 2015) xunto ao músico e compositor galego Narf. Tamén compón ou intervén na banda sonora orixinal de diversos proxectos audiovisuais. Na actualidade traballa en varios porxectos que xa están en marcha como son Enredadas, Uxía & Javier Ruibal e o novo cd Alalás de Cantigas do Camiño.

Máis información en www.uxia.net.

ARTIGOS RELACIONADOS

11 ANOS DA GALERÍA MULLERES MUXÍA

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios