María Pombo ou a mediocridade con filtro

María Pombo nunha foto do seu IG

Nese limbo no que o postureo e a reflexión danse cita, María Pombo pretende consolidarse como unha antiheroína moderna. A súa apoloxía do práctico e do cotián - a lectura como hábito funcional e como dogma - é un dardo á solemnidade dos libros. A semana pasada, Santa María Pombo, pijahealthy, volveu a falar e, coma case sempre, non dixo nada. Agora, atreveuse cos libros, esas cousas vellas que non serven para presumir en Instagram se non teñen as cubertas douradas. “Leer no te hace mejor persona”, sentenciou, e medio país indignouse mentres a outra metade reproducía a súa gracia.

Pombo, que non descubriu América, descubriu, tal vez, que a súa biblioteca é unha balda valeira con luz led. Malia iso, non se corta e atrévese a ditar sentencia dende a súa nada ilustrada. Aí, e non en que dea a súa opinión, está o agravio: no descaro de convertir a ignorancia en bandeira, de facer da falta de cultura un xesto aspiracional. Así, María fai da incultura un traxe cómodo e recoñecible e rescátase da tormenta dicindo “ no me juzguéis por no ser un cliché lector”. María Pombo non é só unha influencer, tamén é un síntoma. O síntoma dun país que prefire o haul de Amazon a biblioteca municipal, que confunde hábitos atómicos con pensamento, e que festexa que unha herdeira literaria - si, con sangue de Concha Espina e do Cervantes Álvaro Pombo -, renegue da árbore da que cae.

Ler faiche mellor persoa? A verdade é que non. Pero non ler, e presumir de non facelo, tampouco. Pombo asinou o triunfo da pereza mental sobre o esforzo calado. Os seus defensores alegan que é moi sinceira - que mostra a súa realidade -, coma se a sinceridade fora excusa para o gilipollismo.

Coma se a ignorancia, con suficiente carisma, deixase de selo.

- ¿Y lo buena que está?
- Bueno, hombre. Eso ya es aparte.

 

MÁIS ARTIGOS DE ABRAHAM TRILLO