Bi Kidude, unha lenda de Tanzania, no decembro da Galería Mulleres

Continuamos viaxando pola historia en clave feminina, da man Viki Rivadulla e a través da Galería Mulleres da Biblioteca da Muller do Concello de Muxía.

Neste mes de decembro viaxamos ao corazón de África.

Fatuma binti Baraka, Bi Kidude (Tanzania, 1910–2013). Cantante, artista e curandeira. A súa música foi merecedora de premios internacionais e considerada Patrimonio Nacional, e co tempo chegou a converterse en toda unha lenda en Tanzania.

Considerada a raíña indiscutible da música taarab. O seu pai era un vendedor de cocos. Con 13 anos escapou do seu país, para fuxir dun matrimonio forzado, rachando con moldes e estereotipos xa dende moi nena. Decidiu cantar a veo quitado, cando as mulleres aínda cantaban cubertas, e ademais afeitouse a cabeza, desafiando todas as normas.

Tamén foi pintora de henna (destacando na pintura das noivas) e curandeira; ao seu regreso a Zanzíbar mercou unha casiña de adobe e alí viviu, formando parte do movemento Unatgo, que preparaba ás mozas Swahili para a súa transición á puberdade.

No mundo musical, fixo unha carreira como baterista e cantante e actuou en varios países de Europa, Oriente Medio e Xapón. Finalmente gravou o seu primeiro álbum en solitario en 1994, cando tiña 80 anos. O seu traballo é fundamental na preservación do patrimonio cultural, o idioma swahili e reinventou os ritmos locais, facendo unha fusión árabe/swahili. O seu labor tivo un recoñecemento de forma tardía a partir da década dos noventa. Foi recoñecida polo Festival Internacional de Cinema de Zanzíbar en 1999, e co Premio ao Desenvolvemento Humano por Contribución á Arte. Foi premio de honra de Womex en 2005. Ata case a súa morte estivo viaxando e actuando.

A súa voz quedou rexistrada en discos propios como Zanzibara, vol.4: Diva of Zanzibari Music (Buda Records , 2006) e Waridi: Parfums de Zanzibar ( Virgin, 2004) Tanzania perdeu un dos seus tesouros humanos máis prezados.

Bi Kidude retou ó idadismo, e ó papel da muller no Islam. Tivo dous maridos aos que deixou. Nunca se conformou co estereotipo de muller musulmá desde que se quitou o veo. Cos seus 90 anos bebía, fumaba e tocaba o tambor
desafiando os roles e creando unha imaxe rompedora e icónica.

Bi Kidude foi un valioso tesouro para Tanzania e a súa cultura. É considerada Patrimonio Nacional, e toda unha lenda.

 

15 ANOS DA GALERÍA MULLERES MUXÍA

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.