venres. 07.02.2025
El tiempo

A Galería Mulleres lembra a Virxinia Pereira, "moito máis que muller de Castelao"

Galeria Mulleres VIRXINIA PEREIRA copia
A Galería Mulleres lembra a Virxinia Pereira, "moito máis que muller de Castelao"

Virxinia Pereira Renda (A Estrada, 1884 - Madrid, 1969 ) casou con Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e coñecémola por este motivo. Mais Virxinia é unha muller cunha forte personalidade propia. Traballou no exilio a favor do galeguismo e na loita antifranquista. Como di Montse Fajardo: “Ela foi, moito máis, que a muller de Castelao”.

Virxinia era a sétima das irmás nunha familia numerosa e de boa situación. A educación de Virxinia Pereira e dos seus irmáns e irmás foi cun mestre particular, tal como facían as familias acomodadas.  

Casou con Castelao en 1912 e establecéronse en Rianxo, onde el exercía como médico e logo en Pontevedra onde el traballou no Instituto Xeográfico de Estatística e imparte clases de debuxo. En 1928 perderon ó seu fillo Alfonso.

A vida política de Castelao e o inicio da guerra e exilio fan que teña unha vida moi itinerante. 

Estando exiliados en Bos Aires, Castelao enferma e Virxinia exerce de coidadora  ata a morte del en xaneiro de 1950. A súa axuda foi decisiva para que Castelao puidese debuxar cando as condicións da súa vista xa non llo permitían; ela foi  fundamental para a obra de Castelao durante a súa vida e despois da súa morte. Unha vez viúva, Virxinia faise máis política  converténdose nunha das voces máis belixerantes do exilio en favor da causa galeguista e da loita antifranquista, como demostra o seu epistolario. 
Virxinia é consciente da necesidade de conservar a memoria física e espiritual do seu home . Regresa a Galicia  en varias ocasións, pero nunca abandona Bos Aires porque alí repousaba el. 
Virxinia Pereira morre en Madrid o 23 de decembro de 1969. O seu corpo foi cuberto coa bandeira galega e descansa xunto ó seu fillo no cemiterio de Figueroa.

 

13 ANOS DA GALERÍA MULLERES MUXÍA

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios