venres. 21.03.2025
El tiempo

A Galería Mulleres lembra a Débora Arango, a pioneira da arte moderna colombiana

Co gallo do 8M, retrasamos a recollida que Viki Rivadulla fai na Galería Muller, a través da Biblioteca da Muller do Concello de Muxía. Recolle a historia de Débora Arango (Medellín, 1907- Envigado, 2005), unha pintora, censurada durante anos pola transgresión que supón a súa obra, hoxe é considerada a pioneira da arte moderna colombiana.
Galeria Mulleres Muxia Marzo 2025-Deborah Arango
A Galería Mulleres lembra a Débora Arango, a pioneira da arte moderna colombiana

Naceu no seo dunha familia tradicional e nunha sociedade na que se esperaba que a muller se mantivese no lugar que se lle tiña reservado. Ela resistiuse a quedar nese lugar e os seus pais déronlle a liberdade de elixir. Recibiu clases de pintura en Belas Artes, sendo unha alumna avantaxada. A casa familiar en Envigado, Casablanca, foi o seu taller de traballo.

Pero nunha sociedade tradicional e moralista, Débora dá un salto para pintar a realidade social dunha forma crítica, o que a condenará a ser silenciada. Para ela a forza da vida non estaba nas clases altas, senón que emanaba do pobo  marxinado. Polas súas obras deambulan prostitutas, pobres, traballadores, seres esfameados...son os esquecidos. A súa obra foi tachada de pornográfica polo conservadorismo e ela responde caricaturizando á clase política e criticando ferozmente á Igrexa.

Especialmente transgresores son os seus espidos; Débora quere dotar de humanidade á pintura. Pinta corpos que poden non ser belos, pero son naturais e isto atenta directamente contra os cimentos do patriarcado cos seus canons e estereotipos e pon en alerta ao goberno conservador de Colombia de principios do XX. Págao coa súa exclusión e illamento da comunidade artística.

A súa exposición no Club Unión en Medellín, en 1939, desatou unha grande polémica na arte de Colombia. Desde entón sofre censura. Unha exposición súa en 1940, é desmontada ao día seguinte. E o mesmo ocorreu con outras nos anos seguintes que eran censuradas ao día seguinte da súa inauguración (como en España, en 1955, en que Franco péchalle unha exposición). As súas obras quedan practicamente escondidas no seu taller. Ela mesma dixo que pintou ás agachadas case toda a súa obra.

Non será ata 1974 en que o Museo de Arte Moderna de Bogotá (coa mostra Arte e Política) e en 1975 a Biblioteca Pública Piloto de Medellín (coa mostra Retrospectiva) en que se levantará esa censura sobre a súa obra.

En 1984 (ela tiña 87 anos) o Museo de Arte Moderna de Medellín fai unha retrospectiva súa, con 240 obras. Case todas inéditas! O que dá idea da invisibilización en que viviu. A constante alusión que se fai ao seu obrigado illamento e á persecución da que foi obxecto, lanza unha anecdótica cortina de fume sobre a dimensión e lugar reais que esta pintora representa na historia da pintura colombiana. Por iso queremos destacar a gran importancia que ten a súa obra, a súa crítica social e eses liberadores espidos de corpos non neutrais. A súa obra é revolucionaria.

En 2004, as 233 obras que doara en 1987 ao Museo de Arte Moderna de Medellín son declaradas Ben de Interese Cultural de carácter nacional.

13 ANOS DA GALERÍA MULLERES MUXÍA

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios