xoves. 02.10.2025
El tiempo

Luz Fandiño, a loitadora poeta compostelá, no outubro da Galería Mulleres

Continuamos viaxando pola historia en clave feminina, da man Viki Rivadulla e a través da Galería Mulleres da Biblioteca da Muller do Concello de Muxía.
Neste mes de outubro, a protagonista é Luz Fandiño (Santiago de Compostela, 1931-2024). Poeta, escritora e activista; loitadora incansable pola nosa lingua e cultura e por unha sociedade máis xusta, sempre do lado dos de abaixo.
Galeria Mulleres cartel LUZ FANDIÑO copia
Luz Fandiño, a loitadora poeta compostelá, no outubro da Galería Mulleres

A súa nai rexentaba un posto de froita na rúa de As Orfas; viviron tempos difíciles e Luz apenas puido ir á escola. O que non foi un
obstáculo para que Luz sexa inspiración e referente de varias xeracións.

Nada nun matriarcado, a influencia da súa nai e da súa avoa foron determinantes para formar o seu carácter. “Esa especial,
chamémoslle sororidade de supervivencia –ben antes de que usáramos a palabra– esa sorte de pacto tácito das mulleres da súa
familia para se apoiaren e saíren adiante; e que parece que quedou xa para sempre gravado no seu xeito de ser e de se conducir polo
mundo adiante o resto da súa vida” (palabras de Lois Pérez na presentación da Gala dos Mestres da memoria 2018, cando recibiu o premio xunto a Pazos de Merexo)

Tras a morte da nai, Luz tivo que emigrar a Arxentina, onde foi traballadora doméstica. En Arxentina, lonxe da Terra vai adquirir unha
fonda conciencia de país a través do contacto co Centro Galego de Bos Aires. En 1952 emigrou a Arxentina, e en 1964 foi vivir a
Francia. En París vai vivir os acontecementos do maio do 68, onde afonda na súa conciencia de clase, na súa condición feminista e
reafírmase no compromiso coa loita social.

En 1979 regresou definitivamente a Santiago de Compostela, onde residiu ata o seu falecemento. Colaborou en diferentes publicacións
galegas, no programa Diario Cultural de Radio Galega e cos colectivo culturais Redes Escarlata, Mulheres Trasgredindo e Mar de Tinta.

A directora Sonia Méndez estreou en 2020 a película documental “A poeta analfabeta”, producida por Nati Juncal, baseada na súa vida,
a súa obra toda e o seu activismo político. O título da película é unha expresión extraída dun poema da propia Fandiño, e que ela se ve
a si mesma dese modo. “Considerábase a poeta dos pobres, dos desherdados”. Conta Nati Juncal que foi na emigración onde un
encontro casual cun libro de Ramón Cabanillas mostroulle a porta de entrada á literatura.“Viu un libro de Cabanillas nun escaparate, e
entrou para compralo. Pero aquilo non era unha librería, senón a biblioteca do Centro Galego de Buenos Aires”. Por aquel entón, Luz
Fandiño nin sequera sabía o que era unha biblioteca, por iso é polo que aquel descubrimento marcase un antes e un despois na súa
vida. Converteuse nunha lectora voraz, e empezou a escribir.

Foi muller de pensamentos tan independentes e revolucionarios que nin sequera se sentiu cómoda nas organizacións máis
inconformistas. “É unha desas persoas ás que todo o mundo queda á dereita”, explica Juncal. Así chega a ser unha das activistas
sociais máis coñecidas e respectadas de Santiago, e un referente para a mocidade- entre a que se atopaba moi a gusto-, e a quen
deixa semente de integriadade e compromiso. Converteuse nunha icona "punk".

A súa figura inspirou a creación de Luz Poética, Festival de Poesía Nova de Compostela, cuxa primeira edición celebrouse en 2022.
Recibiu varios premios e recoñecementos como: Salvoconduto de Honra do Capitán Gosende (Cerdedo-Terra de Montes); “Mestra da
memoria” AELG, xunto a Pazos de Merexo; XI Premio Freire Carril da Asociación Cultural Agromadas de Seijalvo;XX Premio Ramón
Piñeiro Facer país da Asociación Cultural Val de Láncara;VII Premio "Begoña Caamaño" á acción cultural pola igualdade de xénero de a
Deputación Provincial da Coruña. Durante os últimos anos da súa vida, seguiu en activo, escribindo a diario e acudindo a centros
sociais, colexios e institutos para dar charlas sobre a súa experiencia na emigración, os seus poemas e a súa visión da vida.

"Contar a miña historia é unha obrigación. Se non comunicase o oído, vivido ou sufrido,
eu non sería filla da miña nai nin neta da miña avoa"

 

15 ANOS DA GALERÍA MULLERES MUXÍA

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios