A mestra ceense Paz López Facal protagoniza o xuño da Galería Mulleres

Seguimos percorrendo a historia en clave feminina, da man Viki Rivadulla e a través da Galería Mulleres da Biblioteca da Muller do Concello de Muxía.

Hoxe quedamos en Cee, para coñecer a esta comprometida mestra.

Toba, Cee (A Coruña) 1938- Vidán, Compostela 2020. Mestra, compañeira, contista, bibliófila. Activista na sociedade e na cultura que habita en favor da xustiza.

Foi a segunda de nove irmáns e mantivo unha relación especial coa súa irmá maior, Alcázar, coa que compartiu todo o seu período de formación. Estudou Maxisterio, e en 1960 aprobou a oposición e tivo o seu primeiro destino provisional no curso 1960-1961 en Calo, Vimianzo. Logo proseguiu a súa carreira con destinos en escolas unitarias. Formaba parte do colectivo de mestras que ocupaban a meirande parte das Escolas Unitarias galegas e que xogaron un importante papel nas aldeas ás que foron destinadas porque, máis alá do traballo co alumnado, achegaban á comunidade novos coñecementos entre os que podemos contar a alfabetización, a hixiene, a alimentación, a loita polo progreso e a maneira de entender a cultura.

Casou co dirixente político Camilo Nogueira, de quen foi unha compañeira infatigable. Vivindo en Vigo, os anos 70, con dúas fillas pequenas e moi comprometida canda o seu marido, na vida política e sindical de Vigo, foron para Paz un tempo de moita tensión, especialmente durante as grandes mobilizacións de setembro de 1972. A causa daqueles feitos, Camilo é detido, torturado e levado á cadea. Pouco despois tamén foi detido Xaquín, un dos irmáns de Paz.

O desamparo de Paz naqueles días foi moi grande. Entrevistouse con autoridades, mesmo co bispo de Tui-Vigo, en defensa da liberdade dos presos e contra os inxustos argumentos polos que os retiñan e os torturaban. Isto deixoulle unha fonda pegada para toda a vida que a mantiña sempre alerta fronte á inxustiza.

Formou parte do claustro do colexio Rosalía de Castro en Vigo que dirixía Antía Cal. No percurso polas escolas, Paz aplica as teorías pedagóxicas de Celestin Freinet, Maria Montessori, Cecília Meireles, Paulo Freire, Francesco Tonucci e Gianni Rodari... Paz poñíaas en práctica con reflexións sobre o seu traballo escolar e a importancia do contorno, no que a lingua galega e as variantes dialectais de cada lugar (especialmente da parroquia de Toba) tiveron un papel moi singular.

Outro aspecto do método de traballo de Paz foi a incorporación de textos de literatura infantil en distintas linguas que ela ía adquirindo durante as súas viaxes. No verán do ano 1970 acode á Escola de Estiu Rosa Sensat de Barcelona, un lugar aberto á exploración e investigación das vías máis anovadoras da Didáctica e da Pedagoxía que estarán vinculados á organización das primeiras Xornadas do Ensino, e ao desenvolvendo de asociacións pedagóxicas como Nova Escola Galega ou o Seminario Galego de Educación para a Paz.

Ao longo da súa vida Paz compaxinou a práctica profesional do ensino coa escritura. Xunto con Berta López Villamel e María Josefa Villar López, conforman o Equipo Xirimbao e elaboran diversos textos escolares en galego. Como autora, tamén produce textos literarios. Publicou na revista Grial o relato breve «Tamén hai lobos tristes», no que incorpora o léxico e a expresividade da fala de Toba. 

Paz reuniu durante a súa vida unha importante colección de literatura infantil que se converteu nunha fonte inesgotable de recursos para a escola. 

Resumo biográfico feito a partir da biografía recollida en Consello da Cultura Galega, da autora  Berta López Villamel.

 

16 ANOS DA GALERÍA MULLERES MUXÍA

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.