mércores. 04.02.2026
El tiempo

A Nóbel de Literatura coreana Han Kang, protagonista do febreiro da Galería Mulleres

Continuamos viaxando pola historia en clave feminina, da man Viki Rivadulla e a través da Galería Mulleres da Biblioteca da Muller do Concello de Muxía.

Hoxe facémolo con Han Kang, natural de Gwangiu (Corea do Sur), 1970. Escritora, música e artista visual. Premio Nobel de Literatura 2024.

Hang Kang na Galeria Mulleres de Muxia febreiro 2026
A Nóbel de Literatura coreana Han Kang, protagonista do febreiro da Galería Mulleres

Medrou nunha familia que amaba ler. Cando o seu pai decidiu dedicarse de cheo á escritura mudáronse a Seúl. Con novelas que exploran o sufrimento humano e que afrontan traumas históricos, a autora surcoreana e profesora de escritura creativa Han Kang é a primeira muller asiática en recibir o Premio Nobel de Literatura,“pola súa intensa prosa poética que afronta traumas históricos e expón a fraxilidade da vida humana”, segundo o fallo do xurado. Foi con «A vexetariana», o seu libro máis coñecido e o primeiro en ser traducido ao inglés, que consolidou e internacionalizou a súa carreira. Música e artista visual, tamén reflexiona na súa obra sobre o mundo da arte e a súa función.

Estudou literatura coreana na Universidade de Yonsei e aos 23 anos comezou a publicar os seus poemas na revista “Literatura e sociedade”. Ao ano seguinte, comezou a súa carreira como novelista ao gañar o Concurso Literario de Primavera con "Áncora Vermella". Publicou a súa primeira colección de relatos, titulada “O amor de Yeosu”, en 1995. Participou no Programa Internacional de Escritura da Universidade de Iowa durante tres meses en 1998, co apoio do Consello das Artes de Corea.

Gañou o 25.º Premio Coreano de Novela coa novela curta "Baby Buddha" en 1999, o Premio ao Novo Artista do Ministerio de Cultura de Corea en 2000, o Premio Literario YiSang en 2005 (un dos máis prestixiosos do país asiático que busca recoñecer a escritores innovadores surcoreanos) e o Premio Literario Dongri en 2010. Recibiu o premio literario Manhae por "Actos Humanos" (2014). Tamén gañou o premio literario Hwang Sun- won (2015) e o Premio Literario Kim Yujung (2018).

“A vexetariana” gañou o Premio Internacional Man Booker en 2016, o premio máis prestixioso nos países de lingua inglesa ás traducións de outras literaturas.

Outros premios internacionais: Premio Malaparte en Italia en 2017; Premio San Clemente en España (2019);Premio Médici en Francia en
2023 e o Premio Émile Guimet en 2024.
"Baby Buddha" e “A vexetariana” foron adaptadas para o cine.

“...interésame a forma en que lembramos. A memoria é importante, tan importante como seguir vivindo, así que tento comprender como a nosa memoria devolve a vida aos nosos mortos. (.....) “
(Entrevista en El Mundo)

15 ANOS DA GALERÍA MULLERES MUXÍA

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

 

Comentarios