venres. 02.01.2026
El tiempo

A Galería Mulleres arrinca 2026 co activismo de Lola Ferreiro Díaz

Continuamos viaxando pola historia en clave feminina, da man Viki Rivadulla e a través da Galería Mulleres da Biblioteca da Muller do Concello de Muxía.

Galeria Mulleres Muxia- lola ferreiro
A Galería Mulleres arrinca 2026 co activismo de Lola Ferreiro Díaz

Lola Ferreiro Díaz. Ordes (A Coruña)1957-2023. Psiquiatra e activista feminista.

Con dezaseis anos comeza a militar na Liga Comunista Revolucionaria (LCR).Tivo tamén un paso fugaz polo maoísta Partido do Traballo (PT) no ano 1979. En 1976 comeza tamén o seu activismo feminista facendo parte do grupo de fundadoras da Asociación Galega da Muller. Nos 80 achégase á rede de profesionais que, en 1987, crea a Asociación Galega de Planificación Familiar. Formou profesionais e supervisou a psicoterapia de grupos. Traballou nos dous Centros de Planificación activos na cidade da Coruña e, de xeito gratuíto, no Centro Xove de Anticoncepción e Sexualidade de Compostela. Asemade, cando o Ministerio da Educação de Portugal lles solicitou apoio para a formación na área de planificación familiar do profesorado público, Lola, xunto con outras compañeiras, percorreron durante varios anos o país veciño de norte a sur e tamén os Azores. Xa na década de 1990, gaña unha vacante de profesora titular de Formación Profesional de Sanidade e a Cátedra de Procesos Sanitarios no IES Lamas de Abade (1996) ao tempo que traballa para a Consellaría de Sanidade da Xunta da Galiza como responsábel da elaboración, coordinación e desenvolvemento de Programas de Saúde Pública.

A súa perspectiva feminista aplicada á saúde -en particular á mental- foi estratéxica para o desenmascaramento dos prexuízos patriarcais e androcéntricos da medicina convencional e dominante. Coordinou e facilitou, desde 1996 até a súa morte, un equipo de mulleres feministas, traballadoras do campo da psicoloxía, o Grupo T, para abordar diferentes aspectos da práctica clínica. En paralelo, Lola crea e coordina o grupo Lúa Crecente, que ten como obxectivo producir materiais de educación afectivo-emocional e sexual para o ensino. Implicouse tamén na loita en defensa dos Centros de Orientación Familiar (COFs) desenvolvida na primeira década do século XXI. Nesta década foi asesora para a creación dos Centros Quérote de educación sexual e apoio á xuventude. E tamén nestas datas Lola emprendeu outra batalla: a loita pola defensa da xestión pública da Casa de Acollida de Mulleres Maltratadas de Compostela.

No ano 2000 foi unha das promotoras da Coordinadora Nacional Galega da Marcha Mundial das Mulleres. En 2010 colaborou na creación da Rede Feminista Galega, activa durante algo máis dun lustro e, posteriormente, participou en Galegas 8M, plataforma convocante das manifestacións unitarias do 8 de marzo entre 2018 e 2022.
Amadriñou ademais diversos proxectos feministas, como a Libraría Lila de Lilith de Compostela
No ano 2008 abriu unha liña investigadora sobre os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres durante a segunda República, introducíndose así no campo da recuperación da memoria histórica. 

Lola é un gran referente do feminismo galego que deixou fonda pegada e un legado inmenso.

Datos recollidos do Album Mulleres do Consello da Cultura Galega. Autoría: Charo Lopes.

15 ANOS DA GALERÍA MULLERES MUXÍA

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios