A herculina Isabel Zendal, a primeira enfermeira en misión internacional, protagonista da Galería Mulleres

Seguimos percorrendo a historia en clave feminina, da man Viki Rivadulla e a través da Galería Mulleres da Biblioteca da Muller do Concello de Muxía.

Hoxe quedamos na Coruña para coñecer a historia de Isabel Zendal.

(A Agrela, Santa María de Parada. A Coruña,1772- Poboa dos Anxos, México, ano?). Recoñecida pola OMS como primeira enfermeira en misión internacional, 50 anos antes de que Florence Nightingale (1820-1910) crease a enfermería profesional moderna. Foi peza fundamental da histórica expedición do doutor Balmis para levar a vacina da varíola polo mundo e gravou así o seu nome na historia. 

Os seus pais eran labregos e Isabel foi a segunda dos nove fillos. Cando tiña 13 anos a súa nai morreu de varíola. Aos 20 anos empezou a traballar como axudante no Hospital da Caridade da Coruña. A súa é unha historia de superación persoal, superou as barreiras da pobreza, de clase e xénero para estudar. En 1800 Isabel entra como reitora da coruñesa Casa de Expósitos, e sendo a xefa —e única traballadora a cargo dos cativos, con traballos durísimos— cobraba menos que a lavandeira, e que o augador. Os nenos eran atendidos exclusivamente por Isabel, quen para redondear o soldo víase obrigada a remendar roupa nos seus intres libres.

Foi nai solteira dun neno chamado Benito, nun tempo no que as preñadas solteiras eran apartadas da vida pública e reaparecían tras deixar a criatura na Casa de Expósitos. Outra alternativa era “espontanearse”, un tipo de confesión civil pola que a nai solteira obtiña espontanía, un salvoconduto que a libraba de ser molestada pola xustiza, párroco ou veciños. Pero ela nin deixou a Benito, nin se espontaneou: escolleu loitar para saír adiante co seu fillo. 

Viviu unha época de especial virulencia da varíola cunha mortalidade especialmente elevada. Edward  Jenner descubriu que as labregas que muxían as vacas eran inmunes á enfermidade, pois as protexía o contacto co pus das reses —portadoras do virus da varíola bovina, menos agresiva que a humana—. Probou a inocular nos brazos dun neno o pus infectado, sen que sufrise máis que unha febre. Logo probou cunha técnica que consistiu en practicar unha incisión na pel, introducir o po das vexigas e pechar o corte. E funcionou! Aquel neno xa era inmune á varíola. A inoculación podía facerse de persoa a persoa. 

Foi entón cando o doutor Balmis pediu ó rei, cuxa filla morrera de varíola, que financiase unha expedición co obxectivo de distribuír a vacina no Novo Mundo: a Real Expedición Filantrópica da  Vacina (REFV) e levou con el a Isabel. Posto que a vacina non podía manterse a unha temperatura adecuada durante todo o traxecto, inoculouse a un grupo de nenos/as que foron na viaxe como recipientes vivos da vacina. E Isabel Zendal sería a encargada de asegurar a saúde dos rapaces. Foron 23 nenos procedentes da Casa de Expósitos da Coruña os que viaxaron a América, e 26 a Filipinas durante os 10 anos da expedición. Vacinaron unhas 250.000 persoas, contribuíndo á inmunización das comunidades.

Todos menos dous nenos chegaran vivos e con boa saúde, incluído o fillo de Isabel, Benito, que tamén participaba na misión. Era unha auténtica proeza considerando os perigos e a dureza dunha viaxe como esa a principios do século XIX.  Sen a enfermeira, non habería nenos; sen nenos, non habería vacinas; sen antíxenos, non se emprendería a Real Expedición Filantrópica; sen a travesía intercontinental, non se erradicaría a variola en América, en Filipinas e noutras latitudes; sen tamaña proeza, España non figuraría como o azoute dunha epidemia que castigara á humanidade con millóns de mortes. Con todo, Isabel Zendal permaneceu sumida no esquecemento durante moitos anos, actualmente, conta cun monumento e unha rúa que a homenaxean na Coruña; a televisión brindoulle unha película “22 anxos”, dirixida por Miguel Bardem e protagonizada por María Castro; e hai abundante literatura e ata unha asociación leva o seu nome. María Solar dedicoulle a novela xuvenil “Os nenos da varíola”. 

16 ANOS DA GALERÍA MULLERES MUXÍA

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.