Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Unha cea informal entre o Igape e os dirixentes da Mineira de Corcoesto

Unha cea informal entre o Igape e os dirixentes da Mineira de Corcoesto
“Non hai ningún acordo, nin compromiso do do director do Igape, Javier Aguilera,  coa empresa Mineira de Corcoesto á marxe da Lei". Deste xeito respostaba o director xeral de Enerxía e Minas da Xunta, Ángel Bernardo Tahoces, no Parlamento a unha pregunta do deputado de AGE Antón Sánchez. Tahoces lembrou que actualmente o devandito proxecto mineiro "está denegado" ao carecer da suficiente viabilidade financeira e técnica. O director xeral de Enerxía e Minas recoñeceu que existiu un encontro "público" convocado pola Cámara Mineira ao que asistiu el mesmo xunto co director do Igape, así como investidores estranxeiros e alcaldes. "Nese encontro público a visión do Igape, e principalmente a do seu director xeral, non foi outra que defender Galicia como un lugar adecuado para investir pola súa solvencia e as súas capacidades", indicou. "O señor Aguilera o único que fixo nese encontro público, e subliño o de público, foi preocuparse por dar a mellor imaxe de Galicia. Todo o demais son interpretacións tendenciosas que buscan facer ruído onde non o hai e buscan a loita política", destacou o director xeral. E é que Sánchez denunciou que Aguilera incorrería en actuacións totalmente irregulares dentro dun procedemento administrativo, "xa que se recoñecen contactos e compromisos coa empresa (Mineira de Corcoesto) á marxe da legalidade e da ética por parte de alguén que defende o interese público". O parlamentario de AGE denunciou un suposto extracto do contido do recurso potestativo de reposición presentado en abril de 2014 pola empresa mineira, unha vez denegado por parte da Xunta o proxecto mineiro para a explotación dunha mina de ouro en Cabana de Bergantiños. Segundo Antón Sánchez, no devandito documento recóllense unhas declaracións gravadas ao director do Igape no transcurso dun encontro privado cos investidores no que presuntamente avalaba o proxecto. Pola súa banda, o director xeral de Enerxía e Minas da Xunta desculpou a non comparecencia do director do Igape, a quen ía dirixida a pregunta de AGE, ao indicar que como responsable da minería en Galicia correspóndelle a el comparecer para dar resposta á pregunta.  “Esas presuntas declaracións" de Aguilera son utilizadas pola empresa como fundamento dun recurso que pretende que se declare a ilegalidade da resolución ditada pola Xunta", dixo. "Vostede no canto de dar credibilidade á Administración pública que fala a través da Lei, trata de dar rango de natureza a unhas presuntas declaracións que ademais están gravadas ilegalmente, se estivesen gravadas ilegalmente, porque en todo momento estou a falar de presuntas declaracións", afirmou Tahoces. "Parécenos gravísimo que se vaia de cea cos investidores e que avale o proxecto sen coñecelo", declarou o deputado de AGE. De non ser certa esta gravación Antón Sánchez emprazou ao director do Igape a denunciar os feitos ante a autoridade xudicial.

Novas relacionadas

Artigos relacionados

Máis información

Fonte

Comentarios