Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Bang¡ Ban Cyanide: 3 organizacións costeiras e outras 20 europeas únense contra a minaría

Bang¡ Ban Cyanide: 3 organizacións costeiras e outras 20 europeas únense contra a minaría

3 entidades costeiras, nadas da loita contra a mina de ouro de Corcoesto, involúcranse agora a nivel global na campaña “Bang! Ban Cyanide” contra as minas tóxicas e a minería a base de cianuro en Europa. Contramínate, a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños e Plataforma Salvemos Cabana veñen de crear unha coalición europea de organizacións non gobernamentais, grupos de acción e comunidades. Hai representantes de Bélxica, Bulgaria, Finlandia, Francia, Grecia, Alemaña, Romanía, Eslovaquia, España (nomeadamente Galiza e Asturias), Reino Unido, República Checa e Turquía.

Unha xuntanza que demostra que os problemas globais son ás veces tan importantes a nivel local. Neste caso, moitas das persoas involucradas nesta loita viven en zonas ameazadas por estas minas tóxicas. Por iso, a unión de forzas serve para buscar unha “solución común” a un “problema común”. “A partir de exemplos en todo o mundo sabemos que a minería a base de cianuro afecta o medio ambiente e as persoas que viven preto, lonxe e moi lonxe. A partir de exemplos en todo o mundo, tamén sabemos que cando as persoas se unen, gañan”.

Isto é o que sucedeu recentemente en Eslovaquia, onde se prohibiu a minería a base de cianuro. E os vimbios hainos, pois xa en 2010 o Parlamento Europeo votara a favor de prohibir a minería a base de cianuro, debido aos inmensos riscos que supón esta tecnoloxía para a saúde humana e para o ambiente. A coalición só pretende “converter ese voto nunha realidade”, obrigando a cumprir a resolución.

Teñen claro porque loitan. “Sabemos que a minería industrial moderna é un proceso químico con risco, que non xera riqueza senón que contamina o medio, produce pobreza e dependencia. Tamén sabemos que desarraiga ás persoas e ás comunidades”. E quen forma parte de estes proxectos: “Sabemos que as actividades extractivas e o cianuro están vinculados á corrupción e as decisións políticas impostas desde arriba”.

Pero sobre todo, néganse a ”aceptar que unha sustancia química tan velenosa como o cianuro se poida seguir utilizando en grandes cantidades na minería en toda Europa, nunha zona densamente poboada. O cianuro é altamente tóxico e pode levar rapidamente á morte. Unha cullerada dunha solución de cianuro ao 2% mata a un ser humano, e os sempre recorrentes accidentes mineiros mostran o seu impacto devastador”.

Ademais, consideran que “chegou o momento de esixir que os responsables europeos por fin tomen medidas e fagan que a minería a base de cianuro sexa algo do pasado”. De feito, “as deputadas e deputados do Parlamento Europeo que se fixeron eco das nosas preocupacións interpelarán ao Sr. Karmenu Vella durante as audiencias que terán lugar o 29 de setembro”.

Novas relacionadas

Artigos relacionados

Máis información

Fonte

Comentarios