Martes. 19.11.2019
El tiempo

A empresa canadense Edgewater perde os dereitos mineiros de Corcoesto

A empresa canadense Edgewater perde os dereitos mineiros de Corcoesto
Así o confirma a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños. A nova prodúcese como consecuencia da publicación no DOGA da lei 12/2014, de medidas fiscais e ambientais. A publicación o pasado día 30 de decembro no Diario Oficial de Galicia da lei 12/2014, de 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, supón un novo e duro golpe para as pretensións da empresa canadense Edgewater e a súa filial, Mineira de Corcoesto, sobre a explotación da mina de ouro no concello de Cabana de Bergantiños. Esta lei de acompañamento aos orzamentos da comunidade autónoma de Galicia, recolle unha modificación da lei 3/2008 de ordenación da minaría de Galicia, á que engade unha disposición transitoria segunda que remata definitivamente coas expectativas de Edgewater sobre o proxecto mineiro de Corcoesto. Nesta nova disposición recóllese que as concesións mineiras reguladas pola Lei da minaría de 1973, ás que se lle denegue a autorización de explotación por calquera das causas legais, determinará a caducidade dos dereitos mineiros correspondentes. Ademais prevé a súa aplicación retroactiva no caso de resolucións denegatorias de autorizacións de explotacións ditadas con anterioridade á entrada en vigor desta lei. Rexeitamento cidadán Isto resulta de aplicación directa para Mineira de Corcoesto, cuxo proxecto para a explotación aurífera das concesións Emilita, Ciudad de Masma e Ciudad de Landró, reguladas pola lei de minas de 1973, foi denegado ante a forte oposición social ao mesmo, por resolución da Consellería de Economía e Industria de data 11 de marzo de 2014, debido a falta de garantías técnicas e económicas. Esta modificación lexislativa fai que Mineira de Corcoesto e a canadense Edgewater perdan definitivamente os dereitos mineiros que ostentaban sobre dos montes de Corcoesto e imposibilita, para tranquilidade da veciñanza da comarca, que poida presentar no futuro outro proxecto de explotación de ouro na zona. Agora correspóndelle á Consellería de Economía e Industria incoar de oficio o procedemento de caducidade dos dereitos mineiros e a cancelación da súa inscrición no Rexistro Mineiro de Galicia, solicitude que tamén vai presentar por escrito a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños para asegurar a tramitación, canto antes, deste procedemento de caducidade. Reclamación de AGE Pola súa banda, AGE -Alternativa Galega de Esquerda - esixe que a Xunta abra o expediente de caducidade aos dereitos mineiros da multinacional Edgewater. “O proxecto mineiro de Corcoesto conta xa cunha resolución denegatoria firme por vía administrativa”, relata o deputado de AGE Antón Sánchez, “e, polo tanto, o que procede é que o órgano competente inicie de oficio un expediente de caducidade dos dereitos mineiros”. A maiores, engade Sánchez, a denominada lei de acompañamento dos orzamentos para 2015 afirma nunha disposición transitoria que “unha resolución denegatoria da autorización da explotación vai acompañada da caducidade dos dereitos mineiros”.

Novas relacionadas

Artigos relacionados

Máis información

Fonte

Comentarios